28 abr 2010

As mulleres comezan a romper o seu teito de cristal na Universidade de Vigo

A profundidade do Informe Diagnose da Igualdade sitúa á institución na vangarda. Percíbense avances na incorporación da muller ao 3º ciclo, pero seguen existindo sombras.
M. Del Río Vigo

Se a creación da Cátedra Caixanova de Estudos Feministas, a posta en funcionamento da Área de Igualdade (antes incluso de que fose un imperativo legal) ou a impartición de mestrados sobre estudos de xénero situou á Universidade á vangarda das universidades españolas na preocupación pola perspectiva de xénero, esa aposta como liña estratéxica vén de ser ratificada. A presentación do Informe Diagnose da Igualdade na Universidade de Vigo é un documento exhaustivo, profundo, pioneiro e sobre todo “un punto de partida para as futuras políticas de igualdade da institución”, segundo explicou a vicerreitora de Extensión Cultural e Estudantes, Mª del Carmen Cabeza. Este compromiso da Universidade, que se recolle no Plan Estratéxico, require a toma de decisións e posta en marcha de políticas, para o que esta diagnose é un paso previo, o xermolo das futuras propostas, do futuro Plan de Igualdade.Impulsado polo Consello Social e elaborado polas profesoras Amada Traba e Luz Varela, este informe reflicte a situación actual da comunidade universitaria dende unha perspectiva de xénero, para o que se estudou tanto ao colectivo do estudantado como do PAS e o PDI. Por este motivo, pola súa profundidade e amplitude, pola súa contextualización e pola súa dimensión histórica “esta é unha diagnose pioneira en España” explica Amanda Traba. Do estudo, as autores destacan a súa perspectiva pedagóxica, xa que non trata só de informar “senón tamén de formar” pero tamén salientan a súa diagnose participativa, “fomos moi ben recibidas en todas partes e contamos coa colaboración de toda a comunidade universitaria”.

Luces e sombras.

O estudo realizouse a través dunha enquisa á toda a comunidade así como mediante entrevistas persoais, análise dos servizos e oficinas, dos plans de estudo, da documentación e comunicación da Universidade, etc. Para Traba e Varela, o resultado reflicte claramente “luces e sombras, xa que a Universidade ten puntos fortes moi claros, como a súa aposta estratéxica pola igualdade, a creación da área ou os estudos de xénero e as investigacións ao abeiro da cátedra”, pero adoece de eivas e problemas, “que debemos converter no punto de partida das futuras políticas”. Este é a finalidade última do informe, coñecer a realidade para poder logo avanzar no deseño de futuros programas, “unha ferramenta importantísima para a Área de Igualdade”, segundo puntualizou a súa directora, Carmen Quinteiro.A diagnose reflicte que nos últimos anos se ten avanzado moito no que se refire á sensibilidade, “agora loitar pola igualdade xa non é motivo de mofa”, pero queda moito por traballar. Que as mulleres son maioría na Universidade é un feito, representan o 53,35% do estudantado, mentres que nos estudos de doutoramento son un 60,53%, algo que destacou Amada Traba, “xa que nos últimos anos se converteron en maioría” nun feudo antes masculino, sendo a universidade galega con máis crecemento neste contexto. Ademais de ser maioría son tamén mellores, as súas cualificacións son máis altas e son maioría no rango de cualificacións entre o 9 e o 10, polo que botan tamén menos tempo na universidade. Pero este rendemento académico non se reflicte á hora de inserción laboral e esta é unha das debilidades da Universidade, segundo apuntou Traba, “debemos adoptar un compromiso coa inserción das nosas egresadas”.A desigualdade na universidade está claramente estratificada tanto horizontal como verticalmente. As mulleres predominan nos ámbitos da saúde, científico e xurídico social, pero o tecnolóxico está claramente masculinizado, con tan só un 26% de mozas e diminúe a súa presenza a medida que aumenta a responsabilidade da súa posición.

Minoría no PDI e maioría no PAS.

O desequilibrio trasládase tamén ao persoal docente e investigador. Un exemplo é a proporción de catedráticos, un por cada 4 profesores titulares e un de 11 no caso das catedráticas. As mulleres eran un 36,35% do PDI no 2008, “o que supón unha tendencia levemente positiva” e as mulleres investigadoras principais representan “no mellor dos casos un 30% e acceden a tan só ao 17% dos recursos”.O caso contrario dáse no PAS. Entre o persoal da Universidade as mulleres son un 60,75% e a segregación, neste caso, é vertical, a máis responsabilidade menos presenza feminina na estructura funcionarial. Entre outros datos, as investigadoras salientaron a gravidade do caso da representación sindical, na Xunta do PAS os homes son un 69%, algo que non reflicte a realidade. No tocante a cargos de reponsabilidade, tanto entre o PAS como entre o PDI, a presenza de donas é menor, sobre todo canto máis alta é a reponsabilidade e destacaron que hai centros nos que nunca houbo unha muller no seu equipo directivo, sobre todo no ámbito tecnolóxico.

Ser participativos, ofrecer propostas e recomendacións.

Unha das potencialidades desta diagnose fronte ás realizadas noutras universidades, é a capacidade de ofrecer propostas e recomendacións para acabar coas debilidades e potenciar os puntos fortes. Entre as ideas que ofrecen as investigadoras salientan a importancia de potenciar a Área de Igualdade, elaborar datos desagregados por sexo, facer os orzamentos por perspectiva de xénero, incorporar sistematicamente esta perspectiva ás materias e programas docentes, poñer en marcha accións formativas, apostar pola conciliación, incentivar a investigación realizada por grupos cuxo IP sexa unha muller, promover entre o alumnado a elección de titulacións non baseadas en roles tradicionais, garantir a paridade nos órganos de goberno, traballar na prevención de situacións de acoso ou violencia ou a elaboración dun sistema de indicadores de xénero, ademais de apostar claramente pola cultura da igualdade e a sensibilización e a información. Finalmente as autoras quixeron subliñar o carácter vivo deste informe e destacaron a necesidade de telo permanentemente actualizado, para poder observar a evolución da situación, as melloras, os cambios ou as necesidades en cada momento.

No hay comentarios:

Publicar un comentario