3 dic 2009

Máis de 50 docentes exporán as súas experiencias na IV Xornada de Innovación Educativa

Será o 11 de decembro no campus de Vigo e hai xa 130 matriculados.

D. Besadío Vigo


Á falta de dúas semanas para pechar o prazo de inscrición a IV Xornada de Innovación Educativa na Universidade ten xa rexistrados máis de 130 matriculados, todos eles docentes que se anotan a esta actividade para coñecer experiencias educativas innovadoras que levaron a cabo con éxito outros compañeiros e das que todos poidan aprender. A cita, que se celebrará o vindeiro 11 de decembro de xeito paralelo nos salóns de graos das facultades de Ciencias Xurídicas e do Traballo e de Ciencias Económicas e Empresariais, estase a converter xa nun clásico na Universidade, algo que se reflicte na cifra de docentes interesados en participar coma relatores, pois se o curso pasado foron 39 os mestres que se animaron a presentar na xornada as súas experiencias, nesta ocasión a cifra alcanza xa os 46, á falta de varias horas para pechar o prazo de presentación de traballos, “un período no que se acostuma a concentrar a recepción dun bo número de traballos”, apuntaron dende a Área de Innovación Educativa.

Dos foros virtuais aos xogos de rol.

Cada docente ou grupo de docentes, caso de presentar o traballo en grupo, exporán a súa experiencia innovadora nun período de entre 15 e 20 minutos, de maneira que o intercambio de experiencias axudará aos que as fixeron a reflexionar sobre o camiño seguido, as dificultades e os logros acadados e, para o resto, poderalles servir para mellorar a súa práctica. A variedade temática é ilimitada e depende das propias experiencias dos docentes, se ben a docencia virtual acostuma a ter un peso importante na xornada. Nesta ocasión presentaranse traballos que van dende a aplicación práctica das tecnoloxías audiovisuais en rede para a docencia dunha materia ata a utilización de foros virtuais como ferramentas de aprendizaxe ou as posibilidades didácticas da plataforma Moddle. Na mesma liña, presentarase tamén o blog “Psicosexualidadourense”, un lugar de encontro para a formación integral da sexualidade.Pero como non todo son novas tecnoloxías, o abano de temas é moito máis amplo. Dende a Facultade de Belas Artes, o profesor Carlos Tejo, exporá a súa experiencia cos proxectos de Arte de Acción; dende a EU de Fisioterapia outro grupo de profesores falarán de metodoloxías docentes en estancias clínicas; dende Minas afondarán no uso didáctico das actividades manipulativas ou, por citar un último exemplo, dende Dereito amosarán as súas experiencias cos xogos de rol.

Matrícula e acreditación.

Organizadas pola Vicerreitoría de Formación e Innovación Educativa, os asistentes ás xornadas recibirán recoñecemento mediante a correspondente acreditación pola vicerreitoría, desde onde se lembra que o prazo para participar como público permanecerá aberto ata o mesmo día das xornadas.

No hay comentarios:

Publicar un comentario