17 dic 2009

A educación sexual é unha boa ferramenta para alcanzar unha sociedade máis xusta

María Victoria Carrera, co-autora do libro “Educación sexual. Da teoría á práctica”

A investigadora presentou a publicación xunto á tamén autora María Lameiras.



“A educación sexual é unha excelente ferramenta para alcanzar unha sociedade máis xusta de cidadáns críticos e reflexivos, capaces de posicionarse no mundo máis alá dos ríxidos esquemas identitarios heteronormativos baseados nas estruturas de dominación e sumisión”. Así o subliña María Victoria Carrera, profesora en formación da Universidade de Vigo e co-autora do libro Educación sexual. Da teoría á práctica, xunto á tamén docente e investigadora María Lameiras. A obra reivindica unha educación sexual integradora “onde a sexualidade é unha dimensión humana, un valor que precisa ser promocionado e cultivado na escola”. A publicación foi presentada este mércores no transcurso dun acto presidido pola decana da Facultade de Ciencias da Educación, Mercedes Suárez e ao que asistiron as autoras.

María Lameiras subliñou no acto de presentación da obra “a relevancia da educación sexual para a vida e para o noso desenvolvemento como seres humanos”. Neste senso asegurou que o libro que veñen de publicar non pretende dar respostas, “se non que a xente se faga preguntas que lle permitan comprender a necesidade de que a educación sexual debe ser unha realidade”.


Leis que garantan a inclusión da educación sexual na escola.

A primeira parte do libro é unha aproximación conceptual e lexislativa na que as autoras presentan un concepto de educación sexual “coherente cunha perspectiva integradora” e na que fan tamén unha análise da lexislación educativa española. Neste senso e aínda que recoñecen que se avanzou significativamente dende os comezos da democracia, “aínda predomina un modelo de sexualidade fortemente bioloxicista e patoloxizado”. As investigadoras aseguran que as leis do sistema educativo español permiten, pero non garanten, unha educación sexual integradora e por iso defenden a necesidade de leis “que posibiliten a inclusión da educación sexual na escola dende unha perspectiva integradora”.

Na segunda parte do libro as autoras fan unha proposta metodolóxica para levar adiante unha educación sexual integradora na aula. Dende o perfil do educador sexual, “unha persoa con titulación universitaria no ámbito socioeducativo e/ou psicolóxico con formación sexolóxica posterior”, ata os destinatarios deste tipo de ensino “que deben ser todas as persoas dende a infancia ata a vellez”. Defenden tamén a necesidade de integrar a educación sexual no currículo escolar, “como unha materia obrigatoria ou transversalizada” e apuntan unha serie de obxectivos e contidos da temática como por exemplo recoñecer o carácter flexible da identidade sexual, fomentar actitudes igualitarias, promocionar o coñecemento da diversidade sexual e cultivar unha vivencia saudable da sexualidade. Para ensinar estes contidos propoñen unha metodoloxía constructivista “participativa, adaptada ás características dos destinatarios e que permita a integración de novos coñecementos”.


Cara un modelo integrador onde a sexualidade sexa un valor.

María Lameiras e María Victoria Carrera dedican a derradeira parte do libro a analizar os obstáculos e os retos da educación sexual. O modelo moral, que equipara a sexualidade coa culpa e co pecado e o modelo de riscos, que une sexualidade e enfermidade, permiten que aínda hoxe se restrinxa a sexualidade “á reprodución, á xenitalidade e á hixiene” e que baixo a hexemonía da saúde “se ampare un modo de facer educación sexual coital e xenitalizado”. As autoras cren que o medo como estratexia de aprendizaxe “fomenta a pedagoxía do desencontro e da desconfianza do outro” e por iso apuntan como principal reto “camiñar cara un modelo integrador no que a sexualidade sexa vista como un valor, como unha dimensión humana cultivable que permita a pedagoxía do encontro”, declaran. As investigadoras confían en que o libro que veñen de publicar serva de ferramenta "para os docentes, pais e nais e todas aquelas persoas implicadas na educación sexual na súa práctica diaria", conclúen.

No hay comentarios:

Publicar un comentario